Baldomero Moreiras (Celanova, 1955) é un dos artistas da provincia de Ourense con mais traxectoria a nivel de cartelismo e collage manual. A súa carreira non está centrada neste formato en particular, pero pouco a pouco, entre as pinturas e esculturas, foi introducindo obra de estampa e cartel que se revelaron como uns dos alicerces do seu carácter artístico.
A maior parte destas obras fainas a partir de recortes de cartolina que ensambla de forma escrupulosa e meditada, obtendo resultados con moita profundidade a nivel plástico.
Esta técnica, que nos transporta moi directamente ao Matisse dos últimos anos 40, forma parte xa do ADN das cidades e vilas que conforman a provincia; porque moitas das festas, feiras e homenaxes a personaxes ilustres da zona, foron plasmadas a través da man (e tesoiras) de Baldomero Moreiras.
En Ourense cidade desfrutamos de tres carteis para as festas e un para o festival de cinema. Ribadavia contou con el para a súa “Festa da Istoria”. En Celanova, a súa terra, todos os anos pola Ramallosa imprímense panos co símbolo xa oficial da festa, ideado e plasmado en collage por Baldomero Moreiras.
As outras técnicas
Na foto de portada deste artigo podedes observar ao artista exhibindo o seu sombreiro e outros máis ao redor. Foi hai uns anos na sala de arte de Roberto Verino. Quería facer unha exposición diferente e conseguiuno 100%. Sombreiros! Por que non? Recortes de papel, óleo, acuarelas, bolas de policarbonato… A imaxinación desbordante fai que un artista sexa recoñecible en calquera das súas obras, sexa nun formato ou noutro.
Baldomero e Olga
Coñecín a Baldomero cando cataloguei os fondos do Liceo de Ourense. Chameino para preguntarlle pola obra en óleo que ten no terceiro piso, e polos prezos que andaba a manexar na actualidade. Despois vímonos moitas veces mais, porque a cultura en Ourense, aínda que adoeza, non morre, e aí estamos os de sempre.
Un día, na inauguración da galería DodóDadá, faloume dos seus carteis e dunha exposición que quería preparar en Celanova, na casa de todos os poetas. Na Fundación Curros Enríquez.
Así que uns meses despois, aquí estamos os dous (con mais xente importantísima) preparando unha exposición de carteis, un libro recompilatorio e unha festiña para que queira celebrar con nós.
A inauguración será o xoves 3 de Agosto, dous días antes da festa da Ramallosa. Unha tarde na casa de Curros coa colección de carteis de Baldomero Moreiras, amizades, música e un viniño.
Máis non podemos pedir.